La Voz de Galicia – 14 de decembro, 2018 →
Subín ao avión. Tocábame escribir esta columna e tiña ben claro o que quería contar: unha pequena historia sobre mulleres compositoras. Comecei, e atasqueime, e como no avión non podía saír dar un paseo para desbloquearme, púxenme a ver unha peli: Campeones.
Ás veces a idea para esta columna nace dun deses momentos do cotián, tan sinxelos como máxicos. Outras veces é unha teoría, ou unha pequena historia que se vai formando e que non para de dar voltas na miña cabeza até que a escribo. A de hoxe é un impulso, unha reacción á obra mestra de Javier Fesser.
As palabras importan máis do que unha pensa. Pero son os xeitos de definir o que nos rodea o que nos axuda a aceptar ou a rexeitar as cousas que nos son alleas. Crecín nunha familia relativamente diversa, aínda que cinco dos seis membros eramos mulleres, e cada unha era un mundo de seu. Sempre pensei que miña nai fixo un traballo exemplar en «deixarnos ser»: Teté, a maior, baloncesto e enxeñería nos anos oitenta. Raquel, a terceira, música e enxeñería naval; e Yoly, a segunda, foi probando un pouquiño de todo até que atopou o seu xeito de convivir e integrarse nunha sociedade pouco preparada para a diversidade. Con ela é coa que máis anos vivín, pois non marchou á universidade, e aínda que na súa xeración ser diferente era un estigma do que non se falaba, para min crecer con ela foi a mellor lección de vida posible.
A normalización da diversidade é un labor conxunto. De toda a sociedade. De nada serven as políticas de inclusión se non somos capaces de ver o que estamos a excluír co xeito que temos de referirnos ás cousas, co xeito que temos de tratar os demais.
Grazas, Javier Fesser.