La Voz de Galicia – 1 de marzo, 2019 →
Coñecina hai tres anos na Berlinale. Eu estaba a presentar un documental, ela veu á inauguración da película e, nun momentiño, achegóuseme cun fermoso sorriso, cunha carpeta debaixo do brazo e a confianza de saber que o que ía contar ía ser do meu interese. Frances Calvert era paixón pura. Cando se presentou xa levaba anos traballando no que parecía o proxecto da súa vida: un documental sobre a viaxe do mariño galego Luis Váez de Torres. Cando comezou a narrar a historia eu quedei fascinada polo contido: o tal Luis Váez de Torres é o que lle dá nome a un dos estreitos máis fermosos do norte de Australia, o estreito de Torres, que separa este país de Nova Guinea. E a súa historia, que comezara nun barco saído do Perú no ano 1605, era sen dúbida digna de ser contada: de Galicia a Australia no século XVII.Frances era unha documentalista australiana residente en Alemaña que, despois de facer varios traballos sobre o estreito de Torres, quería agora unir os dous fíos, conectar dúas culturas que semellaba que o único que tiñan en común era que o primeiro navegante europeo que cruzara aquela canle era galego. E, con esa historia, construír unha viaxe de intercambio cultural entre dúas comunidades que case nada saben desa parte das súas historias. Todo isto, a través de dúas exploradoras do século XXI, unha antropóloga nativa das Illas do estreito de Torres e unha artista galega.
Pero Frances non chegou a tempo. Morreu de xeito inesperado hai uns meses. O seu documental, Buena Vista Australia, nunca conseguiu o financiamento necesario. E hoxe, dende Oceanía, non podo parar de pensar nela.
Grazas, Frances, pola túa paixón, por abrirnos os ollos á historia.