Palabra do ano

La Voz de Galicia – 1 de decembro, 2023 →

Cristina PatoCoido que aínda non saíu a palabra do ano en galego ou español, pero o dicionario estadounidense Merriam-Webster xa escolleu a súa: authentic. Segundo a súa web, as conversas sobre intelixencia artificial, identidade e redes sociais xeraron un alto número de buscas da palabra auténtico, que é un vocábulo «difícil de definir e suxeito a debate». E a verdade é que é curioso pensar no resto de palabras que están nesa lista compilada por Merriam-Webster, pois por debaixo de auténtico atopamos deepfake (ultrafalso), distópico, deadname (necrónimo) e kibbutz, e entre todas elas crean un bo resumo das preocupacións da sociedade norteamericana.

Esta semana a Real Academia Española (RAE) anunciaba as novas incorporacións ao seu dicionario. Entre elas anglicismos do mundo dixital, coma big data ou banner, pero tamén palabras coma chundachunda (música forte e machucona). Nas súas 4.381 novidades tamén inclúen unha nova acepción para a identidade de xénero: «Percepción que cada persoa ten do seu propio xénero, que pode coincidir ou non co seu sexo biolóxico», e para a palabra non binario: «Que non percibe a súa identidade de xénero en termos binarios de home ou muller».

É fascinante mirar cara as novidades lingüísticas como un reflexo da sociedade para intentar aprender de todas elas. E é fascinante ver cales son as ideas que ocupan as linguas que habitamos con respecto á palabra do ano. E aínda que os procesos de selección dependen da entidade que os organiza, sempre teño curiosidade por saber cales serán as escollidas pola RAE e pola RAG, pois dalgún xeito, queiramos ou non, esas palabras representan as preocupacións da nosa sociedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.