Cristina Pato debuta como novelista con No día do seu enterro, publicada pola Editorial Galaxia na súa Colección Literaria (2022). No día do seu enterro é unha novela sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. Unha conmovedora historia sobre o que significa reconstruír a vida para poder sacar adiante unha familia. Unha historia personalísima que pon en valor a grandeza do pequeno, dos actos desinteresados, das accións que ninguén ve pero que son capaces de transformar a sociedade.
Cristina presentará a súa novela o 9 de xuño na Feira do Libro de Ourense, acompañada por Víctor F. Freixanes, o presidente da Real Academia Galega. E a finais de mes estará en Vigo (27 de xuño, Libraría Librouro) e Santiago (28 de xuño, Libraría Couceiro) co escritor Francisco Castro, e na Coruña (29 de xuño, Libraría Berbiriana) e Lugo (pendente confirmación) coa escritora Inma López Silva.
Escrita e publicada en galego, a novela está dispoñible en todas as librarías de Galicia e en liña.