Cristina volve, virtualmente, ao Chan Centre, en Vancouver, Canadá. O seu último concerto no The Chan, o pasado ano e co Cristina Pato Quartet, fora escollido coma un dos dez mellores concertos do 2019 polo crítico Stuart Derdeyn do periódico The Province.
The Chan Centre da Universidade de British Columbia, presenta o seu ciclo de concertos en liña, Online-Only Fall 2020 Series, no que inclúe a Cristina, cun concerto dende a súa casa que estará dispoñible dende o 23 de outubro na páxina do teatro.
Cristina interpretará un programa a dúo, chamado “The Inbetweener”, unha viaxe musical que navega a través dos mundos musicais que aprendeu cos seus dous instrumentos, e unha viaxe a través dos diferentes xeitos de entender o rol da cultura na sociedade. Nas súas palabras:
“Fixen a miña carreira habitando ese espazo que hai entremedias: como músico entre a música clásica e a popular, como profesora entre disciplinas, e como inmigrante entre dúas culturas… Nese lugar, entremedias, aprendín a apreciar a beleza e a importancia da diferenza….”
O concerto foi gravado na súa casa do rural de Ourense, acompañada polo seu amigo e colaborador habitual o compositor e acordeonista Roberto Comesaña.
Segundo The Chan Centre:
Cristina Pato é unha vibrante e virtuosa forza da natureza cuxa carreira desbaratou expectativas e gañou o corazón do público arredor do mundo coa súa mestría. O Vancouver Sun aclamou o seu ultimo concerto no Chan Centre coma “nada menos que unha revelación”.